A GAZA POR MAR E TERRA. A GLOBAL SUMUD FLOTILLA ZARPARÁ DE NOVO ESTA PRIMAVEIRA
O Movemento Global para Gaza–Galiza, anuncia á súa intervención como delegación propia na Asemblea Internacional da Flotilla Sumud Global e a participación na nova flotilla e no convoi terrestre que ten previsto comezar o 29 de marzo de 2026 coa finalidade de chegar a Gaza, romper o bloqueo ilegal e garantir axuda vital á poboación civil.
Estimase que esta misión, planificada en colaboración directa con organizacións palestinas, reu-nirá a preto de 3.000 persoas de máis de 100 países para conformar unha intervención internacional coordi-nada, pacífica e non violenta.
A flotilla sairá de Barcelona, de portos en Italia, Tunisia e doutros puntos do Mediterráneo. Por informacións chegadas a La Campana, para esta ocasión ademais da Global Sumud Flotilla partiran xuntas o resto das flotillas, Thousand Madleens to Gaza e a Freedom Flotilla. Mentres, o convoi terrestre avanzará cara a Gaza a través do Norte de África, posiblemente partindo de Arxelia. No seu conxunto, a acción integra á maior intervención civil coordinada en apoio ao pobo palestino realizada até o de agora.
Máis alá dun xesto simbólico ou dunha resposta puntual de emerxencia, trátase dunha intervención sostida no tempo que busca non só romper o bloqueo, senón tamén establecer unha presenza civil internacional permanente en Gaza até deter o xenocidio do que son cómplices os gobernos do mundo. Unha mobilización global por terra e por mar que evidencia que a sociedade civil non está representada polos seus gobernos, que desde hai décadas actúan como cómplices ou suxeitos directos do xenocidio. O Movemento Global para Gaza–Galiza afirma que “vivimos un momento histórico, marcado polo colapso dun sistema que normaliza a guerra, o espolio e a deshumanización. Palestina converteuse nun símbolo da resistencia e da loita pola liberación dos pobos”.
A misión terá unha duración mínima de tres meses, organizada en quendas e rotacións, permitindo que cada persoa voluntaria decida o tempo da súa participación. O obxectivo é navegar até Gaza, romper o asedio, establecer grupos de traballo no territorio e soster unha presenza internacional que contribúa á protección da poboación civil e ao inicio da reconstrución dos sistemas básicos de saúde e educación, destruídos nos últimos dous anos.
Existe un rexistro para as persoas voluntarias que queiran tanto participar na mar como tripulante xeral ou para funcións náuticas e mariñas especializadas, ou para unirse a grupos de traballo en terra en áreas como comunicacións, legal, recadación de fondos, seguridade e máis. O rexistro faise mediante a seguinte ligazón: https://registration.globalsumudflotilla.org
Para facer posible esta misión precísanse máis de 1.000 profesionais da saúde, persoal docente, de enxeñaría civil, bioconstrución e reconstrución comunitaria, equipos de investigación e observación legal para documentar violacións do Dereito Internacional. Tamén é necesario apoio urxente para financiar as misións marítimas e terrestres e fortalecer este movemento global. Pódense facer doazóns neste lugar web: https://chuffed.org/fundraiser
O Movemento Global para Gaza–Galiza tamén anuncia que “entre febreiro e marzo construiremos unha axenda de mobilización social, con actividades impulsadas tanto polo movemento como polas colectivas e localidades que desexen sumarse”. A CGT de Galicia ven participando do Movemento Global para Gaza–Galiza polo que tamén construiremos esa axenda social.
Larri (Fonte: Movemento Global para Gaza–Galiza)
