CRÓNICA DOS PRIMEIROS PASOS DO ATENEO AURORA
No pasado mes de novembro de 2025, o Ateneo Aurora comezaba o seu camiñar e agora, logo dos seus primeiros pasos, facemos para La Campana unha breve crónica destes meses.
A apertura dunha nova Casa Sindical para a Federación Local Obreira da CGT da Coruña, no populoso e multicultural barrio obreiro do Agra do Orzán, foi a chispa para que un grupo de compañeiras e compañeiros comezaran a avaliar a posibilidade e a oportunidade de crear un espazo de coñecemento e divulgación da historia do movemento obreiro e das loitas populares. Sen embargo, ese claro obxectivo ten unha segunda parte, igual de clara e firme: ese coñecemento debía servir para animar e orientar as nosas loitas presentes e futuras. Non queríamos simplemente botar unha ollada, nostálxica ou non, ao pasado senón que esa ollada puidera servir para dotarnos de identidade e conciencia, de análise e de ferramentas útiles para o noso actuar sindical e social na sociedade actual, no camiño da sociedade sen explotados nin explotadores que, onte coma hoxe, procuramos.
Dende o século XIX, o movemento obreiro na Coruña viña promovendo multitude de iniciativas de carácter social, educativo e cultural. Dende os máis coñecidos exemplos como La Antorcha Galaica del Libre Pensamiento ata o Centro de Estudios Sociales Germinal, pasando por multitude de ateneos, centros sociais, bibliotecas, publicacións, escolas racionalistas, centros de formación de adultos, corais, grupos de teatro e poesía … espallados por todos os barrios da cidade e tamén nas vilas, pobos e aldeas da contorna. Un dioivo de actividade no que agromou un movemento libertario que só lograron tallar coa sublevación fascista de 1936 e a brutal represión que chegou despois. Somos pois unha modesta pola dunha árbore senlleira, nado da semente libertaria que atopou na nosa terra o solo axeitado para medrar.
Recollendo o nome dunha desas iniciativas, a Biblioteca Aurora, promovida polo militante libertario Enrique Taboada a principios do século XX, nace a primeira das liñas de traballo que estamos a desenvolver no Ateneo Aurora: a catalogación e posta a disposición de investigadores e público en xeral dos fondos da Biblioteca e Arquivo obreiro Aurora, especializada na historia do movemento obreiro, sinaladamente o de carácter libertario, na Coruña e na Galiza. Conformada por fondos propios das federacións locais coruñesa e pontevedresa da CGT así como de históricos militantes das mesmas, continúa a engrosar o seu catálogo con novas obras saídas do prelo e novas doazóns de militantes, historiadores e particulares.
Na actualidade, máis dun milleiro de obras xa foron catalogadas grazas ao infatigable traballo militante dun grupo de compañeiros e compañeiras do Ateneo. Tamén comezará en breve a ordenación e catalogación da hemeroteca que recolle publicacións periódicas, maioritariamente de carácter sindical e libertario, do mundo enteiro: desde Sicilia Libertaria a Le Monde Libertarie, pasando por Solidariedad Obrera, Rojo y Negro ou Cenit, e por suposto, a completa colección de exemplares das distintas épocas de La Campana.
Constituído como asociación cultural de ámbito autonómico. o Ateneo Aurora quere ir máis aló da Biblioteca e, co mesmo espírito de divulgación e coñecemento, ten promovido xa a realización de actividades culturais e sociais a prol da formación e o lecer activo da clase traballadora. No pasado mes de novembro, a presentación da segunda novela do compañeiro da CGT de Menorca, Luis Camarero, e o concerto do cantautor Salvador Amor servían de punto de partida a estas actividades.
A proxección do documental producido pola CGT sobre a vida do militante anarcosindicalista Salvador Seguí, daría pe a posta en marcha do Cineforum Aurora, con proxeccións mensuais de películas seguidas dunha charla. No marco do seu primeiro ciclo, titulado Cine e movemento obreiro, xa se teñen proxectado o film documental de 1983 Dentro da revolución, do director David Hart, e maila película O sal da terra de Herbert Biberman. No vindeiro mes de abril será proxectada a película Pan e Rosas do director británico Ken Loach. Cada sesión do cineforum da orixe a unha pequena publicación de catro páxinas coa información máis relevante do filme proxectado.
De modo semellante naceu o Club de Lectura Aurora – Libros na Veciñanza, un espazo para descubrir historias, compartir emocións e gozar da maxia da literatura. Neste espazo atoparémonos o último xoves de cada mes. Será un momento para intercambiar ideas, comentar impresións e desfrutar da compañía de quen xa ama os libros… ou de quen quere achegarse a eles por primeira vez. Estas sesións mensuais de tertulia sobre diferentes obras literarias propostas para a lectura comezaron o pasado 26 de marzo coa obra Nada de Carmen Laforet, e nos vindeiros meses charlaremos sobre As rulas de Bakunin de Antón Riveiro Coello e Tea rooms. Mujeres obreras de Luisa Carnés.
Sen dúbida, o acto que, ata o de agora, tivo maior importancia tanto en repercusión como no eido simbólico foi o realizado con motivo dos actos polo 8M. O pasado 5 de marzo, en colaboración coa CGT da Coruña, organizamos un emotivo acto de lembranza ás nenas e mulleres vítimas do Patronato de Protección a la Mujer.
Esta institución franquista operou legalmente entre 1944 e 1985, pero estendeu aínda máis tempo o seu labor represiva. A Junta Provincial coruñesa deste Patronato tiña un dos seus centros de represión contra as mulleres no noso barrio do Agra do Orzán. Era o Colexio e Residencia das relixiosas Adoratrices, na rúa de Gregorio Hernández, fonte á Cidade Xardín. Na provincia coruñesa, o Patronato contaba con cinco centros correccionais semellantes, onde os abusos, os maltratos e a máis brutal opresión era unha realidade cotiá.
No lugar onde estaba este centro, en presencia dalgunhas das súas vítimas, foi colocada unha placa simbólica en lembranza da clase traballadora e da veciñanza do barrio cara os milleiros de nenas e mulleres que alí sufriron un inferno de maltratos e abusos durante a súa reclusión obrigada en centros do Patronato.
Logo, xa no salón de actos da Casa Sindical ateigado de público, tivemos ocasión de escoitar na voz emocionada das propias superviventes do Patronato o relatorio brutal dos abusos que nestes centros tiña lugar. A valentía de Loli G. Benito, Paca Blanco e Consuelo García del Cid Guerra, acompañadas pola investigadora Belén López Cillero, deron cumprida lembranza de todo o que sufriron durante o seu forzado internamento en diferentes centros deste Patronato.
O camiño ven aínda de comezar. Quedan moitos pasos que dar e informarémosvos en futuras crónicas en La Campana dalgúns dos vindeiros actos e actividades que estamos a preparar no Ateneo Aurora. Animámosvos a todas e todos a asociarvos e participar na organización e celebración das nosas actividades: precisamos de todas as mans e todos os corazóns para continuar camiñando cara a aurora, cara ao amencer do mundo novo que soñamos e polo que loitamos cada día.

