BASTA XA DE REPRESIÓN E DESPIDOS
Carga de traballo xa en toda Navantia! Polo fin da subcontratación!
A Sección Sindical Unitaria CGT Navantia-Ferrol celebrou o pasado 4 de setembro unha concentración en apoio a folga do sector metalúrxico na baía de Cádiz, convocada pola CGT e a CTM, esixindo carga de traballo e unas condicións dignas en tódalas factorías de Navantia, así como a readmisión inmediata dos compañeiros despedidos en Puerto Real e o fin das represalias. Reproducimos o manifesto.
Dende principios de agosto os traballadores das auxiliares de Navantia Puerto Real e San Fernando están loitando por carga de traballo e o cumprimento do convenio. A resposta da patronal foi a represión e os despidos exemplarizantes de Manuel Balber e Jesús Galván, membros da Coordinadora de Traballadores do Metal (CTM) que xunto a CGT son os sindicatos que están mobilizando. Esta resposta da patronal non só non está atemorizando á plantilla senón que está provocando a extensión da loita.
O vindeiro 4 de setembro a CTM e CGT convocamos folga xeral de todo o metal da baía, á que xa se sumou a CGT de Airbus, tamén ameazados de despido e que xa amosaron publicamente a súa solidariedade. Incorporar a novos sectores, unificar loitas, e non dividilas, ten que ser o camiño para aumentar a presión sobre Navantia e a patronal do metal.
Por isto, dende a CGT en Navantia Ferrol nos sumamos a esta xornada de loita para solidarizarnos cos compañeiros, que están dando un exemplo de como se responde ás agresións patronais, e do camiño que debemos seguir para defendelos postos de traballo. Tamén facermos nosas ás reivindicacións esixindo carga de traballo para tódalas factorías, o fin da subcontratación e a readmisión dos despedidos.
Hai que rompela estratexia patronal do ‘divide e vencerás’
A ameaza de peche patronal e despidos masivos, lanzada durante os 5 días de folga en Cádiz, demostran o nerviosismo da patronal. Ante a extensión da loita están empregando a vella táctica do ‘divide e vencerás’, separar ós traballadores da principal e das auxiliares, coma fixeron na folga de auxiliares de 2017, e enfrontar as plantillas das distintas factorías.
A pasada semana saía en prensa que ante a folga que estaba paralizando a produción en Cádiz, Navantia quería desviar carga de traballo a outras factorías, a ninguén se lle escapa que se referían a Ferrol. A patronal trata de aproveitarse da necesidade de carga de traballo que temos en Ferrol para utilizarnos como esquirois para rompelas mobilizacións. Non podemos permitilo. Fronte a táctica da división impulsada pola patronal, a única resposta ten que ser a unidade e a extensión das mobilizacións de Cádiz a Ferrol baixo as consignas: carga de traballo xa, fin da subcontratación e readmisión dos despedidos en Cádiz.
O comité de empresa debe romper o silencio e poñerse a carón dos traballadores
Se os traballadores están a dar un exemplo de loita, non podemos dicilo mesmo dos comités de empresa de Navantia. A actitude das direccións de CCOO e UGT na baía está sendo un pilar fundamental da estratexia patronal, empezando polo comité de empresa de Puerto Real cuia presidenta cualificou de “salvaxes” as mobilizacións, sumándose así á campaña de criminalización da loita e comportándose coma voceiro da patronal.
O silencio atronador do comité intercentros e dos comités de empresa das factorías non fan máis que reforzar esta campaña. CCOO e UGT teñen que poñer fin inmediatamente a esta situación; nin un só comunicado ou acto de apoio cara os compañeiros en loita, nin unha soa declaración censurando as palabras e o comportamento antiobreiro do comité de Puerto Real, ningunha referencia ou publicidade desta loita nas factorías do grupo. Dende a CGT chamamos ó comité de empresa de Ferrol a dar un xiro de 180 graos, desmarcándose destas declaracións e poñéndose a carón dos traballadores en loita.
Hai que pasar á acción, o 4 de setembro paro e concentración ás 10 h
En Ferrol somos coñecedores e sufridores de tódolos motivos que levaron ás 5 xornadas consecutivas de paro e a vindeira folga do metal: a falta de carga de traballo e a subcontratación coa que os empresarios das auxiliares parasitan Navantia.
Ambos motivos van da man, a carga de traballo está completamente ligada á defensa dunha Navantia 100% pública, na que acabemos coa subcontratación. Navantia entrega cada ano centos de millóns de euros de diñeiro público á patronal, mentres condena á maioría dos traballadores á precariedade. Con estes cartos se poderían garantir unhas condicións dignas de traballo, máis emprego e proxectos industriais sólidos e constantes no tempo. Temos que acabar coa subcontratación incorporando ás plantillas a Navantia coas mesmas condicións e dereitos.