CONVERSAS AO REDOR DA MULLER

No pasado comité local propúxose chamar á participación das mulleres neste número de La Campana, pouco podía facer mais que unha entrevista.

Ola Mamer! Ti fuches secretaria xeral do S.O.V. da CGT de Vigo. Dende aquela o teu nivel de militancia baixou e deixaches de estar en primeira liña. Este feito coincidiu co nacemento do teu primeiro fillo. En canto cres ti que esta retirada é natural ou é debida a unha responsabilidade, a dos coidados, que a sociedade carga sobre as mulleres?

Os coidados recaen maioritariamente sobre as mulleres. As mulleres coidamos máis e somos menos coidadas. Isto é así, e o sistema capitalista coa exacerbación do individualismo fronte ao colectivo, auméntao. Eu despois do nacemento do meu fillo quixen e puiden ter unha excedencia no traballo. Necesitaba todo o tempo para recolocarme na miña/nosa nova situación, porque tiven que facer dobre esforzo de recolocarme a min e a miña parella, cousa que coido que logrei e da que el está agradecido. As nosas crianzas fixéronnos medrar e coma de costume as medras son dolorosas por momentos. Tamén sempre lle estou moi agradecida a CGT porque nela eu tamén medrei pero é difícil compaxinar unha militancia no sindicato que ás veces é moi absorbente coa crianza, a máis que os locais do sindicato non están acondicionados para as necesidades das crianzas, sería imposible pasar dúas horas no sindicato nunha xuntanza cun bebé gatuñando, por exemplo. Do da retirada que comentas, pode ser que dependendo do momento vital polo que pasamos prefiramos adicar o noso tempo a diferentes frontes, eu ó deixar de traballar para criar preferín “militar” en grupos de lactancia de mulleres grazas os cales conseguín ter a forza para parir a miña filla na casa e logo poder protexer as miñas crianzas do sistema sanitario e escolar do Estado.

As mulleres levades tempo xuntándovos entre vós para sacar á luz problemáticas que nas organizacións, ou colectivos, mixtos estarían nun segundo plano, ou incluso nin se terían en conta, senón fora precisamente porque tratades temas de mulleres entre mulleres. Deste xeito as mulleres veñen visibilizando unha serie de problemáticas que pouco a pouco van asentándose nas organizacións mixtas e as veces na sociedade. Ao meu entender, e seguindo coa primeira pregunta, este é o caso da violencia obstetricia. Podes explicarnos que é e como se exerce sobre as mulleres?

Violencia obstetricia é unha violencia contra as mulleres que se produce no ámbito hospitalario. Existe unha declaración da OMS do 2004 que recoñece non só o trato irrespectuoso e ofensivo durante o parto senón a ameaza ós dereitos á vida e á integridade física de moitas mulleres en todo o mundo. Pero non é un problema de falta de medios (moitas veces é o contrario), senón dun paradigma que medicaliza o embarazo/parto/crianza e subestima á muller, non pedíndolle consentimento nin informándoa do que se lle vai facer, desposuíndoa así do empoderamento que produce un parto natural, ou o máis natural posible dependendo das circunstancias e decisións de cada muller. Hai moitas mulleres que quedan tan doridas por mor dunha episiotomía innecesaria, que non poden moverse para atender ás altas demandas do ser recén nacido. Isto leva a un comenzo da maternidade tortuoso que ten que ver co sistema capitalista, que pon no centro ó traballo e non ás persoas, e non con ese ser que “leva un novo mundo no seu corazón”… E esa cicatriz no perineo provoca coitos dolorosos durante un tempo variable, que poden ser anos, ata os casos peores nos que a incisión provoca lesións nas terminacións nerviosas do clítoris, incontinencia urinaria, dores ao moverse… Ademais temos a falta de resposta do sistema sanitario ante esta problemática e outras específicas de mulleres.

A sociedade, e moito menos as leis, non respectan, ou non coidan, que unha nai poda seguir militando como o facía antes de ter fillos. A crianza aparta moitas veces ás mulleres do activismo. Debería estar recollido este aspecto nas leis laborais? Como valoras a normativa laboral respecto á crianza?

Primeiro dicirche que me custa fiarme das iniciativas que xurdan do Estado. Como xa che comentei o necesario sería un cambio dos valores dominantes, pór as persoas e polo tanto á crianza no centro. Aínda que por suposto benvidas sexan todas as medidas que axuden a facer a vida máis levadeira. A baixa de maternidade e paternidade existentes están ben pero son insuficientes, a baixa de maternidade de seis meses é imprescindible para que as nais que queiran exercer o seu dereito de aleitar as crianzas durante o tempo consensuado polos profesionais da saúde como mínimo, teñan a posibilidade de facelo. O que si valoro moitísimo son os grupos autoorganizados de mulleres para levar a cabo a lactancia e a crianza. Grupos de mulleres como “El parto es nuestro” conseguiron por exemplo que a “curva” de episiotomías empezara a baixar en España. Foron tamén mulleres, matronas, as que do colectivo sanitario apoiaron primeiro ás mulleres nas súas constantes reclamacións. A min axudoume moito estar nun grupo de lactancia, e logo formar parte dunha pequena escola libre formada por familias que entendíamos as medras dunha forma antiautoritaria e respectuosa coas necesidade das crianzas e logo tamén nun grupo de crianza no que convivían crianzas escolarizadas con outras que se educaban na casa. A construción deste tipo de grupos de apoio mutuo si que nos poden axudar a levar a crianza dun xeito máis harmonioso co noso sentir e pensar e deixarnos máis tempo para adicar á militancia no sindicato se ise é o noso desexo ou necesidade.

Si. Ao meu parecer, mais que igualdade, o movemento das mulleres busca o recoñecemento da muller, é dicir, denuncia que esta sociedade non está construída tendo en conta as necesidades das mulleres. Para isto considera importante o persoal, chama ás mulleres a empoderarse. Podes explicarnos isto?

O movemento das mulleres é amplo, diverso e xa abrangue todos os aspectos da vida, tanto privada (relacións interpersoais, sexuais…), como pública (traballo, institucións…), é máis, sempre quixo romper isa dicotomía. Dentro do movemento anarquista hai mulleres e colectivos que se definen como anarcofeministas, e aínda que poidamos pensar que o anarquismo xa abrangue as críticas e as construcións que “rematarían” coa opresión das mulleres, eu considero que a necesidade de reflexión e acción entre iguais (entendida como seres atravesados polas mesmas problemáticas) é necesaria para construír teoría e práctica liberadora. O feminismo radical (en oposición ao liberal), non só considera que este mundo está feito sen considerar as necesidades das mulleres, senón que para construílo temos que estar tamén presentes visualizando atrocidades que este sistema capitalista quere agochar. Como as mortes e sufrimentos da migración visibilizadas sempre por La Campana, o feminismo radical visibiliza, por exemplo, esa persistencia mítica da presunta fogosidade masculina que necesita ese grandioso exército de mulleres prostituídas, que prefiren ese traballo antes de, por exemplo, o traballo nas maquilas. Comentar sobre isto, que dende a chamada revolución sexual, a prostitución subiu exponencialmente, as violacións non desaparecen e toman novas formas, e a pornografía ten unha cara misóxina cada vez máis descarada, o que considero que non é por ningunha necesidade fisiolóxica do home, senón máis ben por manter o seu status de poder sobre a muller e ante os demais homes.

Dende fai uns anos as convocatorias do 8 de Marzo teñen un éxito sen precedentes. Incluso chegarían a parar sectores enteiros maioritariamente femininos, como a educación, senón fose polos servizos mínimos. Como e de onde xurde a convocatoria dunha folga mundial laboral, de coidados e de consumo para ese día?

A min chegoume no 2017 polos chamamentos de colectivos de mulleres de Arxentina e outros estados americanos. Era algo que cando xurdiu correu como a pólvora, todas tiñamos gañas de algo así. A violencia contra as mulleres medraba de forma alarmante e parecía que se quería normalizar. E o sistema quería facernos crer que xa non existía opresión sobre as mulleres, que a igualdade xa estaba conseguida. Unha situación que produce tolería, cando ti sentes unha cousa pero dinche que todo está ben. Por iso calou tanto, sobre todo nas mulleres máis novas que son as que están a sufrir a violencia de forma máis directa. As mulleres adultas sofren outras formas de violencia moi despectivas das que aínda falase moi pouco.

Sen embargo, este ano, pola situación da pandemia, a folga laboral foi desestimada por moitas mulleres. Aínda así, outras quixeron seguir convocando. Non existe, creo, unha convocatoria estatal de folga laboral pero si en varios territorios. Sen dúbida, moitas mulleres militan, ademais de no feminismo, tamén en sindicatos, partidos políticos ou colectivos sociais. En canto cres ti que ultimamente o feminismo é un movemento autónomo que non depende doutras organizacións? É ese feminismo un movemento asembleario?

Alégrome moito que toda esta tolemia coa pandemia non parara o 8M, isto significa que o movemento de mulleres goza de boa saúde. Levamos un ano de pandemia e xa nos afixemos a traballar con máscaras, con distancia, con xeles, con luvas… porque non íamos ser quen de manifestarse con todas as precaucións razoables?

Do que me preguntas pola autonomía do movemento feminista, vexo que é evidente. Existen secretarías da muller nos diferentes sindicatos e partidos que dependendo que tipo de coordinadora feminista se forme, poderán participar de forma individual ou como secretaría, pero o grosso do movemento feminista son colectivos asemblearios que funcionan a nivel local e logo dependendo do momento se coordinan a nivel territorial máis amplo, por exemplo aquí a nivel galego e en ocasións como a actual Folga Internacional de mulleres 8M ou antes coa Marcha Mundial das Mulleres a nivel internacional.

Como se cohesiona ese movemento feminista actual? Existe algún interlocutor válido?

Contesteiche un pouco arriba, dende o 2017 o principal cohesionador do movemento de mulleres a nivel Internacional é a preparación da convocatoria de Folga laboral, de cuidados e consumo para o 8M, iso significa a creación nos territorios de coordinadoras, plataformas, e multitude de encontros entre mulleres dos diferentes colectivos e mulleres que militan en grupos con estruturas menos fluídas como sindicatos ou partidos. O que hai que ter en conta tamén é que o movemento feminista xera moito debate en redes e existen moitos colectivos e individualidades que viven maioritariamente nestes medios, cun compoñente moi forte de construción teórica.

Grazas Mamer! Se queres engadir algo mais.

Só dicir que a miña base e ideoloxía anarquista axudoume a moverme e saber que coller do feminismo e o feminismo axudoume a aceptar o cargo de Secretaria Xeral da CGT, por exemplo.

Saúde.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *