OBRADOIRO DE CARTACES ALOUETTE MACHINE

No mes de abril, continúan as actividades do Ateneo Libertario de Pontevedra en homenaxe a Kropotkin con motivo do centenario da súa morte. Son actividades abertas a todas as persoas interesadas. O mércores, 14 de abril, terá lugar o obradoiro de cartaces Alouette Machine.

Alouette Machine é un proxecto de produción gráfica político-poética. Nómades e itinerantes entre España e Bélxica, viaxan en furgoneta cunha prensa tipográfica e con caixóns de letras de chumbo e madeira.

Empregan a técnica da tipografía como medio para dicir cousas, ou non dicilas, amosar ou insinuar diferentes realidades, e xerar material gráfico que cuestione; incómodo, irónico e realista.

Fan obradoiros con colectivos, espazos ou grupos de persoas ás que lles interese crear, pensar, imprimir, repensar, volver imprimir e volver crear material gráfico axeitado ás necesidades e os intereses do contexto onde se fai o obradoiro. Todo isto nun traballo colectivo.

Alouette Machine, isto é, Cris e Janba, estarán no Ateneo Libertario de Pontevedra para conmemorar, cun obradoiro para facer cartaces, o centenario da morte de Kropotkin.

Levarase a cabo, de forma conxunta, unha longa xornada de reflexión e creación (tipo)gráfica, poñendo en conxunto ideas, pensamentos, olladas e materiais diversos sobre a idea do Apoio Mutuo.

Polas razóns do desenvolvemento do obradoiro farase un grupo de máximo 10 persoas. Tamén nesta actividade pídese unha contribución de 10 euros por persoa que servirán para pagar o desprazamento, os materias de Alouette Machine e os cartaces que vos levaredes a casiña.

O obradoiro terá lugar o mércores 14 de abril de 16:00 a 22:00, aínda que cada participante pode chegar un pouco despois ou marchar antes. O obradoiro adaptarase un pouco aos ritmos dos asistentes. Tamén, con aquelas persoas que vos apuntedes, o Ateneo Libertario celebrará unha xuntanza dun par de horas, e uns días antes, para poñer en común as ideas do obradoiro e pensar nos deseños que se queren facer.

Estades convidadas!

Inscrición: ateneolibertariopontevedra@gmail.com

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *