SOLIDARIEDADE CO POBO COLOMBIANO
Comunicado do Comité Confederal de CGT de Galicia
Ante os gravísimos acontecementos que están a suceder en Colombia, a CGT de Galicia manifesta o seguinte:
Desde a convocatoria da Folga Xeral do pasado 28 de abril en protesta por unha reforma fiscal que pretende que os traballadores e traballadoras pobres colombianos paguen os pratos rotos dunha crise económica creada polos poderosos e capitalistas, a represión criminal do goberno de Iván Duque ten causado ducias de mortes, mutilacións con perdas de ollos, un milleiro de persoas feridas polas balas das forzas represivas e incontables detidos.
Nun país no que se incrementa o índice de miseria e o asasinato de loitadores sociais no medio dunha corrupción galopante, estase a producir, ademais, a militarización dos centros urbanos coa intención gobernamental de impoñer as súas políticas a sangue e lume.
Desde hai tres anos, cando Iván Duque asumiu a presidencia do país, se ten producido en Colombia o asasinato de máis de 1.000 militantes sociais, entre defensores dos dereitos humanos, guerrilleiros desmobilizados, reclamantes de terras e dirixentes sindicais. Todas estas mortes sucédense mentres as investigacións da fiscalía non chegan a ningún lado e prodúcese a máis completa impunidade.
A CGT de Galicia rexeita a brutal represión en Colombia e envía a súa solidariedade co pobo traballador colombiano neste gravísimo momento de sufrimento e represión.
A CGT de Galicia fai un chamamento á solidariedade co pobo colombiano, que está defendendo nas rúas os seus dereitos e as arelas dunha sociedade máis xusta, convidando á poboación de Galicia a participar nos actos que se convoquen.
ABAIXO O GOBERNO
CRIMINAL!
ABAIXO O PAQUETAZO DA FAME E REPRESIÓN!
VIVA A LOITA
INTERNACIONAL
DOS TRABALLADORES!