AS PERSOAS ANTES QUE O CAPITAL!

Outro mundo é posible. Ti decides!”

11 Decembro: Manifestación de CGT-Galicia en Vigo

Ante a situación insostible da clase traballadora, con preto de catro millóns de persoas no paro en todo o estado e o resto en condicións laborais, económicas e sociais cada día máis precarias e noxentas, a CGT fixo un chamamento ao pobo traballador, ás organizacións obreiras e aos colectivos sociais de Galicia, para a mobilización conxunta, baixo o triple lema “As persoas antes que o capital. Polo reparto da riqueza e do traballo. Pola xustiza social”.

Uns cen militantes da CGT participaron na manifestación, que tivo lugar o pasado sábado, 11 de decembro, dende a Praza Fernando O Católico a rúa do Príncipe, fronte O Marco, a antiga cárcere de Vigo. tras da pancarta da F.L. de Vigo “Outro mundo é posible. Ti decides”. Reproducimos o manifesto da convocatoria do Comité confederal da CGT de Galicia:

A VIGO O 11 DE DECEMBRO!

AS PERSOAS ANTES QUE O CAPITAL!

A situación da clase traballadora é insostible: preto de catro millóns de persoas no paro, moitas sen protección, e o resto sometidas a horarios interminables, salarios de miseria, contratos precarios, colas da fame, expulsadas das súas vivendas e condenadas a unha existencia moi pouco merecente de ser vivida, mentres o patrimonio e os servizos públicos son privatizados.

Millóns de horas extraordinarias, pagadas e sen pagar, que servirían para crear centos de miles de postas de traballo. Xornadas de traballo legais que non se reducen desde hai 40 anos. Unhas xubilacións cuns requisitos cada vez máis duros non só para ter dereito a elas, senón tamén cunha idade de xubilación máis tardía e uns sistemas de cálculo pensados só para reducir o seu importe. Mentres milleiros de xoves agardan por un posto de traballo, outros prolongan a súa vida laboral ata que non poden máis e pasan directamente do pasto de traballo ás portas da morte. Por todo isto reclamamos traballar menos: menos horas, sen horas extraordinarias e cunha idade de xubilación máis temperá. Traballar menos, para traballar todas en todos.

Temos un salario mínimo de miseria, do que dependen millóns de traballadores e traballadoras. As diferencias salariais son enormes, sen ningunha equidade. Os salarios non cobren, en moitos casos, os gastos mínimos para ter unha vida digna de ser vivida. Os ricos son cada vez máis ricos e continúan enriquecéndose durante esta pandemia. É unha cuestión de xustiza que os traballadores e traballadoras poidan sufragar co seu salario os gastos de vivenda, alimentación, enerxía, abrigo, cultura e ocio sen estar afogados día tras día, mes tras mes. Por todo isto reclamamos un salario mínimo digno e suficiente, o peche dos abanos salariais e a repartición da riqueza equitativamente. En definitiva: estamos polo reparto da riqueza e do traballo

Por iso non é suficiente a derrogación da reforma laboral de Rajoy. Esta reforma foi nefasta, como o foron as anteriores e como nefasta é a xeneralidade da lexislación laboral: contratas, subcontratas e ETTs; contratación temporal á carta; despedimentos libres a gusto do empresariado; accidentes de traballo disparados; subsidios de desemprego miserentos e todo tipo de falcatruadas consentidas legalmente por este sistema inicuo e inxusto en beneficio dunha minoría cobizosa e insaciable. Por isto reclamamos a xustiza social, un sistema social no que a clase obreira, a creadora da riqueza, teña o recoñecemento que merece e deixe de padecer esta vida cativa e ruín. Porque humanamente é insostible este sistema que pon o capital por riba das persoas. Porque hai que desmontar toda a lexislación actual e non conformarse coa maquillaxe que poidan supoñer unhas simples modificacións e derrogacións.

A loita e a mobilización é a única resposta posible e, por iso, a CGT de Galicia fai un chamamento ao pobo traballador, ás organizacións obreiras e aos colectivos sociais para que o sábado, 11 de decembro, participen na manifestación que terá lugar en Vigo.

Traballar menos para traballar todas e todos

Polo reparto da riqueza e do traballo

Pola xustiza social

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *