EÓLICA, ASÍ NON

11 Decembro: Concentración en Pontevedra

Convocados pola Coordinadora “Eólica, así non”, na que participan os colectivos “Non ao Parque Eólico do Castrove”, “Asociación pola Defensa da Ría”, “Vaipolorío”, “Adega-Pontevedra” e “Federación Ecoloxista Galega”, e con ocasión de celebrarse o “Día Mundial de las Montañas”, este sábado, 11 de decembro, tivo lugar unha concentración na Praza da Peregrina de Pontevedra, para manifestar a oposición veciñal ao Parque Eólico do Castrove e reclamar a derogación do Plan Sectorial da Xunta de Galicia e a paralización dos proxectos eólicos en tramitación.

Máis de cen persoas, acudiron á concentración, considerada polos convocantes como un acto máis dos previstos pola oposición veciñal aos macroproxectos eólicos tramitados polo goberno da Xunta de Galicia, firme aliado das empresas do sector, fronte ós veciños. “Non imos parar ata que a Xunta paralice estes proxectos. Son inviables, estragan o monte e prexudícannos a todos”.

Co galo da entrega e tramitación ó 18 de agosto no edificio da Xunta de Galicia en Campolongo (Pontevedra) de máis de cinco centas alegacións ao macroproxecto de parque eólico, unha das portavoces da Plataforma Non ao Parque Eólico do Castrove, Lúa Gándara, tiña expresado con contundencia as razóns que vertebran as mobilizacións: “O dano que van facer estes xeradores e as obras no monte previstas para o transporte das pezas e poder instalalos é inmenso. Non queremos non poder durmir co ruído, non queremos quedar sen auga, non queremos perder a nosa paisaxe. Temos que ser fortes para loitar contra as grandes empresas e as leis que lles permiten facer isto, leis que están obsoletas. Aproveitaron a pandemia para sacar proxectos eólicos por todo o rural e beneficiarse das subvencións Next Generation. Na concentración de hoxe en Pontevedra, Mercedes Carramal, da Plataforma Veciñal en Defensa do Castrove, repetiu os mesmos argumentos que veñen proclamando dende hai meses, sempre “a favor das enerxías renovables, pero non a costa da calidade da vida, en perigo pola presenza de muiños de máis de 150 metros de altura a 500 m de núcleos de poboación”. “Nós estamos a favor das renovables, pero non da especulación capitalista”.

O parque eólico proxectado no Castrove non é un caso illado. É algo que “está a pasar en demasiados lugares á vez e podemos ver os problemas que isto xenera. Estamos tendo apoio de moitas asociacións, plataformas e colectivos que están a pasar polo mesmo e facemos forza xuntos. Non imos parar ata que a Xunta paralice este proxecto”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *