VII Época - 25

COMEZA A SÚA ANDAINA O SEMINARIO DE ESTUDOS LIBERTARIOS GALEGOS NA CORUÑA

O vindeiro 24 de febreiro, cunha xornada titulada “Socialismo Libertario na Galiza”, dará os seus primeiros pasos o SELG, Seminario de Estudos Libertarios Galegos, un proxecto de autoformación colectiva nado da iniciativa do colectivo Refuxios da Memoria, coa colaboración de Bastiana, editorial libertaria da Coruña; e máis Ardora, edicións anarquistas.

O seu obxectivo é a creación dun espazo de reflexión, debate e aprendizaxe colectiva en torno ás ideas, a historia e mailas estratexias e organizacións libertarias que xermolaron no noso país xa dende o último terzo do século XIX e que pretenderon arrancar de raíz no 1936, pero que seguen vivas malia todo hoxe en día.

Mais este espazo de encontro non persegue só mirar cara o pasado, senón que quere debater acerca do presente e co ollar posto no futuro.

Cada ano será elixido un tema de reflexión que logo será desenvolvido mediante sesións bimestrais. Desta volta, para a 1ª edición do SELG, o tema elixido foi “Anarquismo e Organización”, que será tratado ao longo de catro sesións:

Socialismo Libertario na Galiza”, a celebrarse o vindeiro 24 de febreiro

Organizando a resistencia I: Anarcosindicalismo”, prevista para o 6 de abril.

Organizando a resistencia II: modelos e experiencias organizativas do sindicalismo social libertario na península ibérica”, prevista para o 18 de maio.

Sementes de emancipación I: Movemento libertario, autogoberno e territorio”, prevista para o 20 de xullo.

O decurso desta edición do SELG está previsto que remate coa celebración dunha nova edición da Feira do Libro Anarquista da Coruña, a celebrarse os días 14 e 15 de setembro, onde será presentada unha publicación coas conclusións acadadas ao longo do curso e cando será tamén anunciada a temática para a reflexión do ano seguinte.

Na primeira sesión desta edición do SELG, que se celebrará ao longo da xornada do sábado 24 de febreiro, serán desenvolvidas as seguintes actividades para nos achegar á historia e á actualidade da Galiza libertaria:

A partir das 12 terá lugar unha palestra titulada “A Idea: orixes, principios, obxectivos e estratexias do anarquismo”, a cargo da historiadora e investigadora dos movementos sociais europeos, Dolors Marín, que é autora, entre outras obras, do coñecido libro “Anarquismo: Una introducción”, que para moitos e moitas supuxo un dos primeiros achegamentos ás ideas libertarias.

Tralo xantar, ás 16 horas, será a quenda para o historiador ferrolán Eliseo Fernández, que impartirá a palestra titulada “Anarquismo e organización na historia do movemento obreiro galego”, para dar paso ás 18 horas a unha mesa redonda con militantes anarquistas baixo o título “Unha ollada libertaria sobre a Galiza actual”, coa participación de Eva Loureiro, Carla Abelha e Paco Ascón. Un concerto de Bombus Bombus (con Xoel López e Pablo Caamiña Ursusson), que dará comezo ás 20 horas, pechará a Xornada.

Todas as actividades terán lugar nun novo espazo, chamado “A Revolteira”, que se ten creado moi recentemente na rúa da Falperra nº13 da Coruña.

Os contidos de todas as palestras de cada sesión do SELG serán recollidas en relatorios, compartidos en aberto, que se agarda sirvan de base para desenvolver debates no eido local, a través de grupos de autoformación libertaria nas cidades e vilas onde poidan xurdir, con sesións quincenais de carácter aberto, para desenvolver unha reflexión propia, tirando conclusións dos debates celebrados.

CGT – Ensino, A Coruña

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *