VII Época - 60

MOAÑA CON MEMORIA 2025

21 febreiro: Xornadas da memoria histórica, illa “San Simón”

Organizado polo Concello de Moaña, concellería de Memoria Histórica, o venres 21 de febreiro, a partir das 17:00h, no centro multiusos da localidade de Domaio (Paseo Marítimo, s/n), terán lugar as Xornadas de memoria histórica “San Simón”, en alusión a illa da Ría de Vigo, utilizada polo réxime franquista (1939 – 1944) como prisión, campo de concentración e lugar de morte e asasinato para centos de opositores á ditadura.

Tras a inauguración, o historiador Pepe Álvarez Castro expoñerá “O cárcere de San Simón e a represión extraxudicial: sacas e saqueadores”. Seguirá, ás 18:00h, a Mesa redonda “En primeira persoa”, coas intervencións do historiador especializado na historia dos movementos sociais e obreiros na Galicia contemporánea, Dionisio Pereira, con “O diario do moañés Luís Pérez Álvarez”; Juan González Pérez, autor de “Nigrán. Memoria dunha guerra, 1936-1939”, con “Aillados, a voz de presos” e Queta Molas, presidente da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica Marín, con “A memoria das familias”. Nesta primeira mesa redonda intervirán familiares de algúns dos represaliados en San Simón.

Ás 19:45h, a Mesa redonda “O futuro de San Simón”, coa participación da escritora Eva Mejuto, con “A memoria das lavandeiras nas aulas” e do memorialista, Matías da Torre, con “Ferramentas para protexer San Simón”, como espazo da memoria e na restauración das vítimas da concentración franquista.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *