VII Época - 89

NACE O ATENEO AURORA NA CORUÑA

No barrio coruñés da Agra do Orzán, tivo lugar o pasado 4 de novembro de 2025, a Asemblea fundacional do Ateneo Aurora na Coruña. Pero antes cumpre facer un pouco de historia…

Dende o século XIX, o movemento obreiro na Coruña promoveu multitude de iniciativas de carácter social, educativo e cultural. Ateneos, centros sociais, bibliotecas, publicacións, escolas racionalistas, centros de formación de adultos, corais, grupos de teatro e poesía … espalláronse polos barrios da cidade ata seren brutalmente acernados pola sublevación fascista de 1936.

Unha desas iniciativas, a principios do século XX, foi a Biblioteca Aurora, promovida por, entre outros, o militante libertario Enrique Taboada, que foi un dos obreiros detidos durante meses trala represión da folga xeral de maio de 1901.

Hoxe, no século XXI, recuperamos o seu nome, o seu espírito de divulgación e coñecemento, a súa lembranza pero tamén o seu valor para o presente e para o futuro, dirixido á realización de actividades culturais e sociais a prol da formación e o lecer activo da clase traballadora coruñesa, na procura dun mundo máis xusto e igualitario.

Un dos principais proxectos do Ateneo é a posta en marcha da Biblioteca e Arquivo Obreiro Aurora cos fondos documentais e bibliográficos recibidos de diferentes entes confederais e de varios fondos particulares de militantes obreiros galegos.

Tralo proceso de catalogación e organización, contará con milleiros de documentos e libros vencellados ao movemento obreiro e as loitas populares, con especial atención ao anarcosindicalismo e o movemento libertario.

Por outra banda, o Ateneo Aurora administra o espazo web memorialibertarianagaliza.org, creado en 2023 e concibido como un espazo virtual no que ir recollendo e publicando información a prol da recuperación, conservación e difusión da memoria histórica libertaria e a historia do movemento obreiro e as loitas populares desenvolvidas na Galiza ao longo dos anos.

Outros proxectos, que están xa a ser postos en marcha, son artellar e acoller conferencias, xornadas, seminarios e cursos, así como exposicións, concertos, proxección, presentacións de libros… Nesta liña, xa foron desenvolvidas dúas actividades: a presentación da novela “Todo lo que somos” do compañeiro Luis Camarero e maila proxección do documental “Salvador Seguí. Historia de un anarcosindicalista”, producida pola CGT e a Fundación Salvador Seguí.

Pero tamén ten por finalidade crear espazos libres e autoxestionados para o desenvolvemento de actividades culturais e de lecer activo, participativo e alternativo, así como xerar redes de colaboración e afinidade con outras iniciativas similares no barrio, na Coruña, na Galiza e no resto de mundo

En definitiva, construírmos un espazo de autoxestión e apoio mutuo no camiño dunha sociedade libertaria.

Francisco Ascón Belver

Ateneo Aurora

Pódese acudir ó Ateneo Aurora no seu Enderezo (Casa Sindical da CGT, en Entrepeñas, nº6 da Coruña) e tamén se pode contactar por:

Páxina web: https://memorialibertarianagaliza.org/

Correo electrónico: ateneoaurora@gmail.com

Facebook: https://www.facebook.com/ateneo.aurora

X (twitter): https://x.com/AteneoAurora

Instagram: https://www.instagram.com/ateneoaurora/

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *