A CORUÑA 1901: LOITA OBREIRA, SANGUE E CHUMBO
En coincidencia coas tráxicas xornadas de 30 e 31 de maio, o pasado fin de semana tiveron lugar os actos centrais do 125 aniversario dos sucesos de maio de 1901 na Coruña.
As xornadas do 30 e 31 de maio de 1901 ficaron gravadas a ferro na memoria da clase obreira coruñesa. O asasinato a tiros da Guardia Civil dun folguista, o consumeiro Mauro Sánchez, nunha manifestación obreira na tarde do día 30 provocou a convocatoria dunha folga xeral que paralizou a cidade por tres días. A forza colectiva amosada polas sociedades obreiras, maioritariamente libertarias, levou á declaración do estado de guerra e a saída das tropas ás rúas. A brutalidade da represión militar e policial deixou as rúas tinguidas de sangue obreira, con sete persoas asasinadas e ducias de feridos. Coas cadeas ateigadas de presas e presos, militantes condenados en consellos de guerra a penas de ata 20 anos de reclusión, as sociedades obreiras suspendidas e os seus locais clausurados, unha inmensa onda de solidariedade de clase de dimensión internacional foi quen de achegar apoio ás vítimas e acadar a liberación dos presos e presas primeiro e o indulto dos condenados e sobresemento das causas despois.
Agora, cando se compren xa 125 anos daqueles acontecementos, unha comisión de entidades culturais, sindicais, e políticas, entre os que se atopan, xunto ao Ateneo Aurora e o colectivo Refuxios da Memoria, os sindicatos CGT e CNT, as organizacións libertarias Xesta e Naide, e a editorial anarquista Bastiana, impulsa un programa de actos ao que toda a veciñanza da cidade é chamada a participar.
Logo do acto en lembranza da folga de misteiras de abril de 1901 que foi celebrado no pasado mes de abril, chegaron os actos centrais do aniversario.
No mediodía do sábado 30 maio, o Circo de Artesáns da Coruña (senlleira institución que viu nacer o movemento obreiro coruñés e que acolleu nos seus salóns moitas das primeiras reunións obreiras) foi o escenario da presentación do libro “Polas vítimas de onte, xustiza! Folga xeral, represión e estado de guerra na Coruña en 1901”, editado pola editorial Bastiana. Prologado polo coñecido historiador Eliseo Fernández, este libro recolle a historia do acontecido e a permanencia destes feitos na memoria da clase obreira coruñesa ao longo do tempo. Na presentación participaron os autores, Daniel Palleiro e Francisco Ascón, xunto coa docente Eva Loureiro. O acto finalizou coa actuación do grupo “Cantareiras Revolteiras”.
Pese a tentalo, os poderosos nunca conseguiron borrar a pegada que estes feitos deixaron na memoria da clase obreira coruñesa. En 1906, a iniciativa das Sociedades obreiras e por subscrición popular, levantouse un monolito no cemiterio de Santo Amaro en lembranza das vítimas daquela represión. Ese monumento acolleu no mediodía do domingo 31 de maio, un acto de homenaxe ás obre-iras e obreiros asasinados cunha ofrenda floral e o relatorio dos feitos, do mesmo xeito que se facía ata a sublevación fascista de 1936 e como se ven facendo dende a década dos 80 do século pasado polo anarcosindicalismo local.
Logo do acto de homenaxe, no exterior do cemiterio, o grupo “Comadres” interpretou varias cancións incluíndo unha cantiga composta especialmente para este 125 aniversario, da que recollemos unha estrofa:
“Loito viste A Coruña
Forte foi a represión
Brazaletes negros levan
Lágrimas no corazón”
O programa de actos deste 125 aniversario continuará xa no outono con novas actividades co obxectivo de, non só recuperar un episodio da memoria obreira, senón tamén tomar exemplo da capacidade de organización e loita daqueles homes e mulleres que foron quen de encher as rúas coas súas arelas de xustiza e liberdade, para incorporarmos o seu exemplo ás nosas loitas do presente e do futuro.
