VII Época - 15

CONTRA TODOS OS MUROS, CONTRA TODAS AS FRONTEIRAS

Nos próximos días entre o 28 de novembro e o 1 de decembro (ambos inclusive), a Sala VerSus (r/ Xerardo Álvarez Limeses, 12) en Pontevedra acollerá a IX edición das Xornadas Libertarias, organizadas polo sindicato CGT e que este ano, da man do Ateneo Libertario de Pontevedra, xirarán en torno ás loitas que se levan a cabo contra o racismo institucional por parte das persoas migrantes e racializadas no territorio dominado polo estado español.

Entendemos o racismo de Estado como o conxunto de normas e dispositivos institucionais orientados a reproducir a discriminación de todas as persoas racializadas, e especialmente das migrantes, sometidas á brutalidade das políticas migratorias racistas da Unión Europea, coas cales todos os gobernos españois, independentemente do seu signo ideolóxico, colaboran abertamente. Con todo, ademais das mostras máis evidentes desa violencia (fronteiras, CIE, maquinarias de expulsión…), tamén nos parece importante interpelar outras formas de racismo máis discretas, e o consenso social que existe ao seu redor, normalizando a segregación e perpetuando a orde (neo)colonial da Supremacía Branca. Por iso, contaremos con diferentes ponentes que falarannos das resistencias e solidariedades, fermosas como un CIE ardendo, que xorden para confrontar esta ignominia e rexeitar os seus valores.

Somos conscientes do noso privilexio como persoas brancas nadas en Europa, e por iso a nosa intención non é outra que amplificar voces de activistas e coletivos racializados, migrantes, que xa están loitando e mobilizándose contra as estruturas do racismo a todos os niveis. Rexeitamos totalmente os roles de “salvador” que adoptan as ONG’s e os partidos políticos que ven ás persoas migrantes e/ou refuxiadas como un medio co que extraer un rédito económico ou electoral, transformando a solidariedade nunha caridade neoliberal (e racista) que establece relacións xerárquicas baseadas no asistencialismo e a dependencia (dicía Audre Lorde que “as ferramentas do Amo nunca desmontarán a casa do Amo”).

As persoas e comunidades atravesadas polo racismo xa demostraron en moitas ocasións que poden organizarse por sí mesmas e resistir. Marcados na memoria permanecen os motíns no CIE de Zona Franca, en Barcelona, e as fugas e revoltas nos seus homólogos franceses, como o CRA (Centre de Rétention Administrative) de Vincennes, ou italianos, cos CPR (Centri di Permanenza per il Rimpatrio) de Ponte Galeria, en Roma, ou de Palazzo San Gervasio, en Potenza. Non esquecemos as experiencias de auto-organización de persoas migrantes á marxe do Estado en Calais (Francia) ou Atenas (Grecia), fuxindo aos checkpoints e controis policiais e tomando a vida nas súas propias mans. Nós só pretendemos ser un altofalante máis para eses berros, que interpelannos tamén, e escoitar, aprender e debater arredor de problemáticas sobre as que, cremos, urxe tomar posición.

Contra todos os muros, contra todas as fronteiras.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *