VII Época - 32

28 ABRIL: MANIFESTACIÓN CONTRA A DEPREDACIÓN ENERXÉTICA

Organizada pola plataforma “Contra vento e maré”, contando coa participación de colectivos sociais e veciñais, o próximo domingo, 28 de abril, Pontevedra acollerá a quinta manifestación en Galicia “Contra a depredación enerxética”. A manifestación sairá ás 12:30h dende a praza da Peregrina.

Segundo recolle o manifesto de convocatoria lido en anteriores manifestacións a “mobilización é un chamamento á cidadanía para visibilizar a oposición social crecente, tanto nas áreas rurais como urbanas, á proliferación masiva de polígonos industriais eólicos imposta pola Xunta de Galicia e o Goberno do Estado ao rebufo dos intereses do oligopolio enerxético.”

“Estes polígonos eólicos afectan directamente ás augas, á paisaxe, a unha cuestión esencial para a nosa supervivencia como é a produción de alimentos, así como á flora e á fauna protexida, prexudicando directamente a calidade de vida da veciñanza, que de executarse estes proxectos verían relegadas as aldeas nas que habitan á condición de “parcelas” dun polígono industrial.”

“A produción de enerxía debe facerse baixo criterios que respecten a nosa contorna, o noso patrimonio, a ecoloxía e a vida da xente, e non dándolle para adiante ás présas e masivamente ás Declaracións de Impacto Ambiental -como fixo a Xunta de Galicia cas 77 aprobadas a principios de ano-, nin lanzando de golpe 75 polígonos, como anunciou o presidente do gobernó galego a finais do mes de abril.”

“Atendendo á nosa superficie, Galiza é o primeiro territorio en xeración de enerxía eólica a nivel estatal. A nosa terra está xa ocupada con máis de 180 polígonos eólicos en funcionamento, superando os 4.000 muíños e os 3887 MW de potencia instalada. Inda asi, baixo a febre dos fondos Next Generation EU, existen máis de 300 novos proxectos en fase de tramitación, ca intención de multiplicar inda máis os desorbitados beneficios das empresas enerxéticas duplicando esta potencia. En eólica mariña, cinco dos 19 polígonos proxectados en todo o Estado o son na Galiza, ocupando 2.350 metros cadrados, é dicir, o 47% da superficie total.”

“Como nos lembra o propio Panel Intergubernamental sobre Cambio Climático da ONU: antes que calquera outra, a mellor medida para loitar contra o cambio climático é a preservación dos ecosistemas.”

Por iso pedimos paralizar de xeito inmediato o plan eólico vixente e os proxectos en trámite, e apostar por un modelo enerxético transparente, xusto, descentralizado e descarbonizado, que potencie a soberanía enerxética dos pobos, con redución do consumo e sustentado en redes de distribución local. Por unha Galicia “autoxestionada que respecte o equilibrio entre a explotación racional dos recursos e a súa conservación”; unha Galicia que “protexa o medio ambiente”; e unha Galicia cun modelo enerxético “descentralizado, participativo, racional e sustentable”.

Fonte: Vento e Maré

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *