ACTO EN MEMORIA DAS VÍTIMAS DA REPRESIÓN POLA FOLGA DE 1901
Como cada ano, a Federación Local Obreira da CGT da Coruña organizou o domingo 1 de xuño de 2025 o tradicional acto de lembranza ás vítimas da represión da folga xeral que tivo lugar na cidade en maio de 1901 no que participaron preto dunha vintena de persoas.
Na ofrenda floral ás vítimas lembrouse que, a finais de maio de 1901, a cidade da Coruña quedou paralizada por unha folga xeral que había de durar tres días, convocada polas sociedades obreiras trala morte a noite anterior, dun traballador en folga. O medo da burguesía local e as estruturas estatais ante o pulo da organización obreira, que fora quen de deter a cidade nunha noite, provocou a brutal represión que de seguido sufriron as traballadoras e traballadores e que deixou as rúas tinguidas de sangue obreira, a cidade e maila súa contorna en estado de sitio e baixo mando militar por varios meses, e o nacente movemento obreiro da cidade herculina perseguido e criminalizado cos seus responsables presos nas cadeas da cidade ou en presidios lonxe dos seus, e as sociedades obreiras suspendidas. Máis información sobre os sucesos acontecidos por mor desta folga pode atoparse no espazo web memorialibertarianagaliza.org.
Mais tamén salientouse neste acto que a lembranza do ocorrido continúa viva hoxe grazas ao pobo que uns anos máis tarde levantou, por subscrición popular e a iniciativa das sociedades obreiras, o memorial que recorda no cemiterio de Santo Amaro aos traballadores e traballadoras asasinadas.
A continuación, como cada ano, realizouse outra ofrenda floral no Monumento ás vítimas da represión franquista logo da sublevación fascista de 1936, na que este ano fíxose especial lembranza dos compañeiros que, como o compañeiro metalúrxico anarcosindicalista, Lino Carrión, foron fusilados preto daquel memorial, na madrugada do 7 de marzo de 1938.
A memoria destes feitos continúa viva no pobo. Un pobo que continúa aínda hoxe lembrando cada ano que a historia, como a liberdade, é unha obra colectiva, que milleiros de mans, anónimas pero organizadas, procuran e acadan os avances con loita e esforzos compartidos, nun camiño de emancipación polo que aínda avanzan os nosos pasos.
Francisco Ascón
CGT – Ensino A Coruña