VII Época - 101

A CGT A CORUÑA: CONCENTRACIÓN POLO DEREITO Á VIVENDA

A Confederación Xeral do Traballo (CGT) da Coruña fixo un chamamento urxente á cidadanía para sumarse á concentración organi-zada pola Plataforma polo Dereito á Vivenda, que tivo lugar este sábado 14 de marzo ás 12.00 h na praza das Conchiñas, no barrio obreiro do Agra do Orzán, valorando positivamente a actividade despegada e a importante participación cidadán no acto

 O sindicato apoia e participa nesta mobilización, que busca garantir unha vivenda digna e frear a presión especulativa que empobrece traballadoras, traballadores e pensionistas.

A emerxencia habitacional afecta a moitas persoas que, a pesar de contar con ingresos mensuais, viven con medo de non poder pagar o alugueiro ou vense obrigadas a compartir vivenda pola falta de alternativas accesibles.

A CGT advirte de que, se non se intervén de maneira inmediata sobre o prezo da vivenda e non se pon freo aos abusos de caseiros e fondos de investimento, a perda de poder adquisitivo da clase traballadora agravarase aínda máis, xa que as subidas salariais ligadas ao IPC non reflicten nin de lonxe o verdadeiro custo da vida.

Ademais, nun contexto marcado polas guerras criminais e imperialistas dos EEUU e de Israel, nos que os prezos dos alimentos e dos combustibles non deixan de aumentar, a desigualdade medra e a riqueza concéntrase cada vez en menos mans. Por iso, a CGT denuncia que os beneficios empresariais xerados polos baixos salarios e polas condicións laborais precarias deberían repartirse xustamente entre traballadoras e traballadores.

O sindicato insiste: o acceso a unha vivenda digna non pode seguir subordinado aos intereses dos especuladores nin a gobernos cómplices, como o da Xunta de Galicia e o do Estado español. Garantilo é unha cuestión de xustiza social e dignidade. Por iso, a CGT fixo un chamamento á participación masiva este sábado para esixir solucións reais e poñer fin aos abusos que ameazan ás familias traballadoras.

Adrián García (Coruña)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *