MULLERES DE ARMAS TOMAR

Non vivirei abandonada ou atada. Teño un mañá e por ese mañá marcharei, revolucionaria, rebelde. Non teño medo dos tornados que ocupan o horizonte. Provocarei un seísmo en todo o mundo e marcharei cun exército unido”.

Mariam Abu Daqqa. Guerrilleira palestina.

Os grandes movementos de resistencia e revolucionarios das últimas décadas veñen ademais facendo un esforzo pola integración da muller nos propios movementos e na sociedade en xeral ata lograr a plena igualdade. O Zapatismo expresábao con retranca naquel “cando unha muller avanza non hai home que retroceda”. Se quixeramos, e por autocompracernos poderíamos por un punto de partida na integración das mulleres nas milicias contra o fascismo durante a guerra civil española e a súa posterior retirada e exclusión do fronte tras o golpe estalinista que acabou coa milicia para formar un exército regular republicano..

O certo é que as mulleres atopan un efectivo xeito de participación nos movementos populares. Esta participación sirve tamén para concienciar e loitar contra as estruturas patriarcais e tradicionais profundamente arraigadas nas súas sociedades como o caso das comunidades indíxenas zapatistas, a españa tradicional, que che vou contar que non saibas, ou o que hoxe nos ocupa, a resistencia palestina contra a ocupación israelí.

Os versos de Mariam Abu Daqqa que encabezan este pequeno relato escribiunos ao saber que as mulleres non foran chamadas a filas para a que despois sería coñecida como a guerra dos seis días en 1967. Pouco despois de seren escritos, un curmán de seu, propúxolle ser fedaya, guerrilleira. “Por fin conseguírao. Homes e mulleres, fedayín da guerrilla palestina, loitando xuntos”, recorda con morriña. Mariam, como 10.000 mulleres palestinas máis, segundo Addameer, a organización para os prisioneiros políticos palestinos, foi engaiolada nos cárceres israelís, sufrindo impunemente agresións específicas en base á violencia de xénero, como torturas, golpes, insultos, ameazas, rexistros corporais vexatorios e acoso sexual. E do mesmo xeito que os seus compañeiros, na súa maioría son detidas baixo o que Israel denomina detención administrativa, é dicir, un sistema de encarceramento onde non se imputan cargos nin se levan a cabo xuízos, e por períodos de seis meses que poden renovarse por un tempo indeterminado de veces. Mariam tamén comandou a guerrilleiros palestinos de ambos xéneros na guerra do líbano en 1982 ou entrou a formar parte do buró político da Fronte Pola Liberación de Palestina, FPLP.

Quizais a mais icónica das mulleres guerrilleiras palestinas sexa Leila Khaled. Leila foi fotografada por Eddie Adams, o gañador do premio pullitzer de 1969 por aquela instantánea da execución en Saigón dun guerrilleiro do VietCong. A Leila fotografouna cunha camisa militar e un keffiyeh, o típico pano branco e negro que se converteu en símbolo do orgullo de Oriente Medio, e na que sostén un AK-47. Leva na man un anel feito coa anilla da primeira granada que utilizou nos seus adestramentos… e unha preciosa pero inquietante mirada. Esta foto pertence xa á cultura pop que invadiu á xuventude e á esquerda dos anos 1960 e 70 do pasado século. Detrás da foto estaba, nembargantes, a visualización dun conflito, o palestino, que daquela loitaba por darse a coñecer no mundo enteiro. Leila viña de secuestrar un avión, a primeira muller que secuestrou un avión.

O 29 de agosto de 1969, Khaled e outro membro do FPLP, Salim Issawi, secuestraron o voo 840 da TWA na súa ruta desde Roma ata Tel Aviv. Leila subiu a bordo do avión levando unha granada de man e unha pistola. Unha vez no aire, ambos mostraron as súas armas, conseguiron chegar á cabina e dixeron, “O Movemento Palestino toma control do seu avión”, segundo Harry Oakley, o copiloto. Entón deron instrucións aos pilotos para que redirixiran o avión a Damasco, pero non antes de sobrevoar Palestina. “Cando sobrevoamos Palestina e vin a miña cidade, Haifa, desde o aire, onde nacín e a que non podía regresar tras ser expulsada cando era nena… aquel foi o momento máis feliz e non o secuestro en si”, confesou Leila. Malia ser unha muller nova a piques de levar a cabo unha misión que ou ben acabaría coa súa vida ou a cambiaría para sempre, Leila non estaba nerviosa. “Ao contrario estaba feliz porque ía facer algo pola miña xente”. En canto á finalidade do secuestro, Leila é moi directa. “A nosa intención era que o mundo enteiro preguntásese: Quen son os palestinos? Logo de 1948 tratábasenos como refuxiados que necesitaban axuda humanitaria e punto, sen recoñecer o noso dereito a regresar. Ademais de que tiñamos que liberar aos prisioneiros”. Tralo aterrizaje, Leila e Issawi evacuaron o Boeing 707 e Issawi procedeu a facer estalar o morro do avión cando xa estaba completamente baleiro sobre o cemento. “Tiñamos instrucións de non danar aos pasaxeiros”, dixo Leila. “Instrucións moi estritas de non facer dano a ninguén e de tratar ao piloto e á tripulación con cortesía, nin sequera debiamos asustarlles”. Aínda así, Khaled é consciente de que as súas accións sen dúbida asustaron aos pasaxeiros, pero para ela ese medo momentáneo foi un pequeno prezo que tiveron que pagar para que puidese mostrar ao mundo o sufrimento da súa xente.

Aínda que Leila é amplamente coñecida polos secuestros aéreos, non se apartou da resistencia desde entón. No tempo que transcorreu logo dos seus secuestros, Leila Khaled implicouse na Unión Xeral de Mulleres Palestinas (UGMP) e uniuse ao Consello Nacional Palestino (CNP). “Nos anos 50 e 60 había diferentes partidos árabes e as mulleres comezaron a participar máis activamente na vida política” explica, “aínda que a imaxe en occidente sexa de que as mulleres son só incubadoras”. “Tamén na loita armada o rol das mulleres é importante. Na Intifada viuse que as mulleres estaban na primeira liña da fronte, defendendo aos seus fillos” asegura. “Témennos porque somos as nais dos nosos fillos… e por iso, envíannos a prisión”.

O papel da muller na liberación non sempre estivo cargado con fusís. Khadiya Assalman é hoxe unha anciá moi venerada na franxa de Gaza que anos atrás formou parte dunha resistencia desarmada e pacífica. Na súa casa de Beit Lahiya organizou o primeiro acto de desobediencia feminino contra a ocupación militar israelí. “Era 1971 e chegaramos a un punto no que os israelís detiveran a todos os homes e mozos de Beit Lahiya, só quedabamos as mulleres”, relata Assalman. Foi ela quen organizou todo. “Díxenlles que as mulleres debían saír e enfrontarse aos soldados, pero sen armas, nin sequera armas brancas. Só cos seus puños”.

Unha das últimas mulleres en converterse en símbolo da loita contra o sionismo é a adolescente Ahed Tamini. En 2010, Ahed, entón unha nena de nove anos, fíxose famosa por empuxar e ameazar levantando o puño a un soldado israelí durante as protestas na súa aldea de Nabi Saleh, na Cisxordania ocupada, contra a confiscación dun manancial. Repetiu a acción en 2017, con 16 anos, ao dar unha labazada e empuxar a outro soldado israelí no patio da súa casa despois de que un curmá seu de 14 anos de idade fose alcanzado na cabeza por unha bala de goma feríndoo de gravidade. Esta acción foi gravada por un familiar. O vídeo converteuse en viral e percorreu o mundo enteiro. Ahed, tras cumprir unha condena de oito meses de cárcere foi liberada pola presión internacional.

A participación das mulleres na loita palestina pode cualificarse de centenaria. En 1920, tres anos logo da redacción da “Declaración Balfour” que prevía o establecemento dun fogar nacional xudeu en Palestina unha trintena de mulleres escribían unha carta dirixida ao xefe da administración da rexión. “As mulleres musulmás e cristiás levamos a voz das demais mulleres palestinas e protestamos enerxicamente contra a Declaración Balfour”. Un acto sen dúbida pioneiro, un dos primeiros rexistrados. Dous meses máis tarde, o 26 de outubro de 1929, as mulleres palestinas lanzaron por primeira vez un movemento cuxo acto inaugural reuniu a 200 mulleres en Xerusalén con motivo do Congreso de Mulleres Árabes e Palestinas. Adoptan resolucións sobre o problema nacional e comprométense, como mulleres, a “apoiar todas as resolucións, decisións e peticións do executivo árabe”. Créase a Asociación de Mulleres Árabes de Palestina. Este acto fundacional, aínda que non é feminista no sentido contemporáneo do término, tiña unha clara conciencia de xénero. O seu activismo e determinación sorprende ao ocupante británico. En outubro de 1933, Arthur Wauchope, alto comisionado británico para Palestina, sinala un “novo tema preocupante” durante as violentas manifestacións en Xerusalén e Jaffa. E están en todas as frontes: principais consumidoras desde a súa condición de administradoras do fogar, boicotean os produtos estranxeiros, rompen as vitrinas de comerciantes que “rompen a folga” en Jaffa en 1936, ou distribúen alimentos aos presos, cando non preconizan a loita armada. Pouco antes da creación do Estado de Israel, as mulleres de Jaffa ata crearon unha organización clandestina, Zahrat a o-Uqhuwan, que levaba víveres e armas aos rebeldes palestinos

Son moitas as mulleres que destacan en Palestina e que forman parte da resistencia en todos os seus frontes. Como a poeta Rafeef Ziadah que declara que a súa familia foi limpada etnicamente de Haifa e Yaffa en 1948 e refuxiouse no campo de refuxiados de Jisr al-Basha no Líbano que foi destruído totalmente en 1982 polo exército israelí tendo que fuxir novamente. A poesía oral de Rafeef esixe ser escoitada, é poderosa emocional e política. Tamén dende a Xerusalén ocupada resisten avogadas como Bodour Hassan que estudou dereito internacional co obxectivo de defender ao seu pobo. Pouco tardou en entender os límites da lei fronte á ocupación israelí. Por iso reivindica a defensa dos dereitos humanos desde a práctica e a loita pola liberación desde unha mirada feminista.

Estas mulleres palestinas que viven e sofren unhas condicións que moitos criamos que non se volverían a permitir unha vez que o mundo coñeceu ata onde podía chegar unha política supremacista co xenocidio nazi, son encarceradas, exterminadas e limpadas etnicamente, nunha ocupación que anexiona o que lle interesa, o territorio, e elimina o que non lle interesa, a súa poboación. E o sofren na súa condición de muller polo que ademais son maltratadas, acosadas e incluso violadas. Asi a todo na súa resistencia empoderanse. Seméllanse ás mulleres de todo o mundo, reivindican igualdade nos seus dereitos políticos, económicos, sociais e culturais. Pese á tradición, ademais, defenden as súas liberdades fundamentais nun contexto colonial de apartheid.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *