MANIFESTACIÓN POLA VIVENDA PERCORRE AS RÚAS CORUÑESAS ESIXINDO O DEEREITO A UNHA VIVENDA DIGNA
eto dun milleiro de persoas participaron na Coruña na marcha “A vivenda cústanos a vida” polo dereito a unha vivenda digna, convocados pola Plataforma polo dereito á vivenda e o Sindicado de Barrio da Falperra.
No mediodía do pasado sábado, 6 de xuño, partía da praza de Ourense, fronte ao edificio da Delegación do Goberno en Galicia, unha marcha de protesta baixo o lema “Nin alugueiros polas nubes, nin salarios polo chan” que reuniu a preto dun milleiro de persoas que percorreron as rúas máis céntricas da cidade reclamando o dereito a unha vivenda digna.
A protesta foi convocada pola Plataforma polo dereito á vivenda, da que fai parte a CGT da Coruña, e mailo Sindicado de Barrio da Falperra. Foi apoiada por distintos sindicatos, colectivos sociais, grupos de traballadoras e traballadores en loita, e organizacións políticas. A CGT da Coruña participou activamente tanto na organización da marcha dentro da Plataforma polo dereito á vivenda, como na propia manifestación cunha faixa co lema “A vivenda róubanos a vida”.
Ao longo da protesta foron abondosos os lemas contra a especulación, as subas indecentes de alugueiros e prezos da vivenda e a expulsión dos traballadores e traballadoras dos barrios populares da cidade, sinalando claramente aos culpables desta situación: os grandes propietarios, o sistema financeiro e os rendistas contando coa complicidade dos diferentes gobernos centrais, autonómicos e municipais.
A manifestación, con chamados á loita por unha vivenda digna, contra os desafiuzamentos, a prol do alugueiro social e de medidas que impidan o negocio duns poucos a base da precariedade e a necesidade de todas e todos, rematou dúas horas máis tarde na praza de María Pita, fronte ao pazo municipal, onde foi lido o manifesto.
Ao remate da marcha fíxose tamén un novo chamamento á organización de novas mobilizacións nas asembleas abertas que están a ser celebradas todos os luns de cara a promover novas accións en demanda dun exercicio efectivo do dereito á vivenda da clase obreira. A vindeira destas asembleas terá lugar o luns 8 de xuño, ás 20 horas, na casa sindical da CGT da Coruña.
Francisco Ascón (Ensino CGT A Coruña)

